Xosé María Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro naceu en 1914 en Os Vilares de Parga (Guitiriz, Lugo), e morreu o 3 de outubro de 1990. Ós 17 anos ingresou no Seminario de Mondoñedo e cando saíu en 1936, exerceu de profesor de Ensinanza Media en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). En 1948, tras licenciarse en Filosofía e Letras, trasladouse a Madrid, onde alternou a docencia coa traducción no Ministerio da Gobernación. Tamén traballou no Instituto de Cultura Hispánica e no Consello Superior Científico.

 

Escribiu os primeiros versos ós 12 anos e o seu primeiro poema publicouno ós 16 na revista "Lluvia de rosas" (Tarragona) da que foi colaborador. Desde Madrid publicou asiduamente poemas na revista "Alba". A súa consagración produciuse coa aparición do tomo IV da Escolma da poesía galega (1955) de Francisco Fernández del Riego. Tamén publicou poemas e artigos de crítica e ensaio en xornais de Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Lugo, Pamplona, Vigo e nas revistas "Estafeta literaria" e "Ínsula" de Madrid. En 1946 publicou Nascida dun sono e El cántico de la ciudad e en 1961 Nimbos, a súa obra máis importante. Publicou, ademais, traduccións ó galego e ó castelán de poetas e prosistas europeos, multitude de poemas e os libros Sombra radiante e Mediodía.

 

O seu poema "Penélope" foi traducido ó francés na antoloxía Terre d'Espagne de Francoise Pechère e aparece a referencia crítica á súa obra na revista alemana "Humboldt". En 1946 gañou os primeiros premios de poesía galega e castelá nos Xogos Florais de Betanzos (A Coruña).

 

 

Ruta da Auga de Díaz Castro

 

As fragas cos seus pequenos regatos e as simpáticas personaxes creadas pola imaxinación ao contemplar os grandes bolos de granito caracterizan esta senda. Estas fermosas paisaxes serviron de fonte de inspiración dos poemas de Xosé María Díaz Castro, impregnados da relación do home coa terra, a través da visión da vida dos seus veciños de aldea.

 

A ruta comeza no lugar do Vilariño, a carón da casa de nacemento do poeta, camiñando entre carballos, bidueiros e castiñeiros, chégase á casa dos antigos canteiros, testemuña dunha das profesións máis representativas do lugar. A ruta adéntrase por camiños de terra onde os diferentes valados de pedra delimitan unha paisaxe tocada pola man do home, debuxando un mosaico de prados alternado con bosques naturais.

 

A través dunha variante, pódese reducir a distancia ao Buriz e visitar o petróglifo “O Agro das Calzadas”.

 

Descargar folleto en PDF

 

Descargar poemas Andaina Sensitiva

 

 

Centro de Interpretación de Díaz Castro

 

Lgar. O Vilariño, s/n

CP 27307 - Os Villares - Guitiriz

Máis información en info@concellodeguitiriz.com, no +34 982 370 109 e na web www.concellodeguitiriz.com.

Visitas previa cita chamando á oficina de turismo no +34 982 370 109.